lunes, 19 de marzo de 2012

PRESENTACIÓN DA PLATAFORMA EN AMES





Seguindo co seu obxectivo de achegarse a tódolos concellos da cunca do río Sar e tal como estaba anunciado, o venres 16 de marzo a Plataforma pola Recuperación do Sar levou a cabo a súa presentación no concello de Ames e que tivo lugar na Casa de Cultura de Bertamiráns. O acto, ao que asistiu numeroso público, contou nesta ocasión coa presenza de María José Servia, Antonio Gende, Suso Noya e Xose M. Penas Patiño. Os asistentes seguiron con enorme interese a exposición de María José Servia, Doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e Profesora na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña, quen, como experta en ecoloxía dos animais de auga dóce, sobre todo invertebrados, expuxo a comparativa da situación deste río co Louro (logo do paso polo polígono industrial das Gándaras de Budiño) e coas augas da estación do encoro do Con (onde se sitúa a Estación de Hidrobioloxía da USC), co resultado da tremenda contaminación detectada no Sar, destacando a presenza de residuos de medicamentos e de metais pesados. A profesora Servia solprendeunos con frases tan rotundas como esta: “Aínda que intentamos conseguilo, no laboratorio non demos conseguido unha contaminación tan alta como a detectada no Sar”. Os efectos da polución observáronse, entre outros, en larvas de dípteros quironómidos, que en grande medida son presas habituais das troitas, coa conseguinte repercusión para esta e outras especies a traverso das cadeas tróficas. Insistíu na alta capacidade de rexeneración do ecosistema, de lograrse unha depuración das augas usadas, polo que é imperativo cambiar a situación actual. Antonio Gende, veterinario e experto en aves (ten levado a cabo campañas de anelamento científico), como veciño de Bertamiráns ten realizado frecuentes camiñatas polas ribeiras do Sar e é bo coñecedor deste tramo de río, e precisamente como veciño incidiu na carencia de medidas para cambiar a situación do río: “Mentres que a poboación residente foi aumentando, a situación lamentable do Sar seguíu igual durante os últimos dez ou quince anos, ou mesmo foi a peor pois en moitos tramos non hai vexetación de ribeira. Por otra parte notouse un incremento en certas especies de aves, concretamente da anduriña do cu branco, pois teñen máis mosquitos que comer”. Ambos ponentes comentaron asi mesmo a existencia de especies invasoras, como o visón americano ou a tartaruga de Florida, o cal complica aínda máis a situación deste curso fluvial. Suso Noya proxectou dous vídeos, un filmado entre a ponte da Rocha en Santiago e Silvouta, tramo polo que discorre o Camiño de Santiago que procede de Portugal e que solprende pola turbidez das augas que saen da depuradora. A destacar a presenza de peregrinos lavándose incautamente no Sar. Suso insistíu na medida, rápida e pouco costosa, de instalar algún tipo de malla que reteña os numerosos plásticos que arrastran as augas e que periodicamente poderían ser retirados. A segunda proxección, con tomas de Juan Verde, mostrou a situación da depuradora de Bertamiráns e dos efluentes que chegan ao río tanto procedentes deste concello como do de Brión, augas todas elas que contribúen a incrementar a degradación do río. Pola súa parte e en nome dos convocantes Penas Patiño participou aos asistentes a vontade da Plataforma de actuar ata conseguir mudar este estado de cousas: “O Sar é un río emblemático que ao seu interese ambiental suma o cultural, pois é o río cantado por Rosalía. É a nosa propia historia pois nas súas marxes encontramos castros, petroglifos, mosteiros ou castelos. Deberíamos poder percorrelo e disfrutalo desde o seu nacemento en Santiago ata a súa desembocadura en Dodro e, coa axuda de todos, podemos conseguilo”. Entre o público asistente cabe destacar a presenza de Eugenia Martín, actual Concelleira de Medio Ambiente do concello de Ames, que departíu ao final do acto cos membros da plataforma mostrando o seu convencemento da resolución da actual situación. A Plataforma celebrará o Día da Auga o vindeiro 22 deste mes cun acto simbólico de recuperación dun manancial nas proximidades do Camiño Portugués na Rocha, manancial que estivo a piques de ser enterrado polas obras da autovía a Noia e que non chegou a tal extremo pola oposición veciñal, e onde se solicita que o concello de Santiago constrúa un punto de abastecemento de auga para os peregrinos, un novo “lava colla” podemos dicir; nada mellor para mostrar a hospitalidade do país ás mesmas portas de Compostela e ao tempo para mostrar a importancia da auga, auga limpa, para a vida.

No hay comentarios: