jueves, 3 de mayo de 2012

Depuradora de augas residuais de Silvouta-Santiago de Compostela. Necesidade de actuar urxentemente para a modificación da EDAR.


1.- INTRODUCIÓN

O río Sar non é un río calquera, é un río emblemático cantado por Rosalía de Castro. Pero na súa cabeceira está Santiago de Compostela (capital europea da cultura no seu momento e capital de Galiza) e porén o río é aproveitado como desaguadoiro das augas usadas, pretendidamente despois de depuralas.(Anexo-1)

Desde a mesma construción da EDAR de Silvouta esta instalación quedouse pequena e porén desde hai moitos anos o Sar é seguramente o río máis contaminado de Galiza. Estudos feitos na universidade de Santiago (ref. Juan Antelo, Catedrático de Química da USC) e de Coruña (ref. María José Servia, Profesora na Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña e investigadora na Estación de Hidrobioloxía do encoro do Con, da USC), son incontestables neste sentido (presenza de metais pesados, medicamentos, nitritos, plásticos, etc).

Santiago de Compostela ten arredor de 100.000 habitantes. A Unión Europea estableceu no seu día uns prazos para a depuración das augas residuais dos núcleos con esta característica poboacional, prazo que está máis que vencido. Fálase asi mesmo dunha subvención da Unión Europea para cooperar neste proxecto de depuración, mais que ten uns prazos, correndo o perigo de perderse.

Se por algo se caracteriza esta cidade é polo Camiño de Santiago. Isto supón unha importante fonte de ingresos a través do turismo. Solprendentemente co que se encontran os peregrinos polo sur da cidade é coa contaminación do Sar. Efectivamente o Camiño Portugués cara Santiago atravesa o río Sar pola Ponte Vella da Rocha, en Vidán, concretamente onde se xuntan os colectores do Sar e do Sarela é onde se sitúan dous aliviadoiros que cando chove un pouco rebordan deitando todo tipo de residuos á vista, para sorpresa dos peregrinos, e onde se ten detectado auga de color encarnado por levar sangue procedente do matadoiro municipal. A uns 300 m deste punto entróncase o colector procedente do núcleo do Milladoiro, do veciño concello de Ames, que ao entrar en carga fai saltar as tapas, esparexendo todo o seu contido polas  marxes do río (fotos anexo 5). Non é infrecuente, especialmente polo verán, que os peregrinos se deteñan a lavarse neste lugar levándose a sorpresa de encontrarse cun fondo cheo de fangos insalubres que mesmo poden ser causa de infeccións.

Hai que ter en conta tamén que a Unión Europea pode impoñer fortes sancións económicas ao Estado Español por esta situación inadmisible. ¿Podémonos permitir o luxo de gastar cartos, eses que lles estamos quitando aos xubilados, aos funcionarios, aos traballadores en xeral, en pagar multas por atentar contra a ecoloxía e contra a saúde?

2.- SITUACIÓN DA EDAR E PROBLEMÁTICA ACTUAL

Carencias da actual E.D.A.R de Santiago de Compostela:
§ Falta de capacidade hidráulica dado que o caudal de deseño 51.600 m3/día é superado practicamente todos os días, chegando aos 85.892 m3/día no ano 2006.
§ Falta de capacidade de tratamento de carga contaminante dado que a carga de deseño 6.192 kg DBO5/día é altamente superada sendo realmente 10.473 DBO5/día.
§ Non alcanza os requirimentos de vertedura ao medio receptora, río Sar, esixidos pola normativa vixente.

No BOE de data martes 29 de setembro de 2009 o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño formulou a Declaración de Impacto Ambiental favorable á construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Santiago de Compostela.
Das dúas alternativas estudadas para a súa situación elixiuse a que corresponde aos terreos situados ao sur das instalacións actuais, na marxe esquerda do río Sar. Facendo unha valoración das alternativas atendendo a criterios técnicos, económicos e ambientais, a alternativa, situada na parcela máis próxima á EDAR actual, nuns terreos considerados no PXOM como ordenanza 18, de chan rústico reservado para infraestruturas, estímouse como a máis axeitada.
Ao chegar ao poder o Partido Popular nas pasadas eleccións municipais decidiu un cambio de ubicación, e a Xunta de Galicia elaborou un novo estudo de alternativas, e decantouse pola ubicación na zona de O Souto, pegada ao municipio de Ames e a algo máis de 1 km augas abaixo da actual depuradora, nuns terreos considerados no PXOM como ordenanza 17 e 19 (Anexo-6) de Protección de Xacementos Arqueolóxicos e de Protección Das Augas, nun entorno de gran valor paixasistico e patrimonial (Anexos 2,3 e 4).
Isto parece indicar que procede partir de cero, establecer un novo proxecto e isto implica un novo estudo de Impacto Ambiental, coa demora que conleve ao ter que estar novamente en exposición pública. Descoñecemos a ubicación exacta que se propón pero en todo caso hai que considerar que este cambio de ubicación suporá un un grande incremento presupostario e unha dilatación nos prazos xa que:

- o novo emprazamento do que se fala é O Souto, parroquia de Villestro. Aínda sen saber o emprazamento detallado, posiblemente se trate dun espazo de piso granítico e con fortes pendentes (planos1 e 2), que haberá que achanzar tamén cun incremento no custo do proxecto. En todo caso ao estar aproximadamente a 1 km augas abaixo do actual emprazamento (e onde fora aprobada a anterior ubicación) deberase incrementar nun quilometro a lonxitude do gran colector por medio de tuneladoras, o cal encarece novamente o proxecto.
- haberá que proceder a máis expropiacións
- haberá que proceder a construción de novos accesos pola zona de protección arqueolóxica con fortes pendentes e por terreos de xeoloxía granítica.
- haberá que proceder a instalacion duha nova rede electrica de media tensión supoñendo grandes cambios na calidade da paisaxe
  • poden darse alegacións por parte do vecindario que se considere afectado en canto ao impacto ambiental, o que pode dilatar o proceso no tempo
Todo o dito significa un incremento de custo e un incremento de prazos, co risco de perda da subvención europea. ¿Podémonos permitir o luxo de perder esta subvención, estando como está a economía do país?

3.- OUTRAS CONSIDERACIÓNS

  • A problemática do Sar non se limita ao concello de Santiago, pois incide nos concellos situados en toda a cunca do río: o vecindario de Ames, Brión, Teo, Rois, Padrón e Dodro sofre a contaminación provocada por Santiago. Son, porén, sete concellos os afectados, tratándose dunha problemática plurimunicipal.
  • O Sar en grande parte do seu percorrido está declarado como Rede Natura. É unha bulra á propia lexislación ambiental esta situación de contaminación, que se prolonga ano tras ano sen que as nosas autoridades se tomen en serio a súa regularización, e que di ben pouco en canto á atención dos nosos espazos protexidos. Sen dúbida algo que non gustará en Bruxelas, de ter coñecemento do mesmo.

4.- CONCLUSIÓN

Polo devandito procede regularizar dunha vez e sen máis demoras a situación da depuración das augas desta cidade e polo mesmo entendemos que os orzamentos do Estado, sendo conscientes os representantes públicos de que falamos dunha situación marxinal e ilegal, deben proceder a dotar de fondos necesarios para que se acometa urxentemente a construción da nova estación depuradora de augas residuais de Santiago de Compostela. E por parte do concello de Santiago débese actuar sen dilación na posta a disposición dos terreos necesarios, os que sexan, pero sen que esta posta a disposición dilate o comenzo da execución do proxecto que é o que realmente preocupa, e moito, á Plataforma pola Recuperación do Sar.