lunes, 25 de junio de 2012

TALA NAS RIBEIRAS DO SAR





Aos medios de comunicación

No día 22 de xuño, vimos de presentar o escrito que se acompaña no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza, dando conta dos feitos que se expresar, pregando a máxima difusión.



Xosé M. Penas Patiño e José Luís Gomez Rodríguez, da Plataforma pola Recuperación do Sar, con domicilio social no bar México, A Picaraña s/n Padrón, personados nas ribeiras deste río no límite entre os concellos de Brión e Ames, concretamente en terreos do concello de Brión (para situarnos pode darse como referencia a ponte próxima a Ponte de Carballo), queren manifestarlle que no lugar indicado se observa que moi recentemente alguén procedeu á corta  de arbolado en dúas parcelas próximas entre si, a unha distancia entre cinco e dez m. da beira do río, parcelas de aproximadamente 30 x 60 m, sendo as especies cortadas pinos, eucaliptos pero tamén carballos, salgueiros e ameneiros. Acompañamos fotografías. A este respecto querémoslle manifestar o seguinte:

1.- Ignoramos se estas cortas contan co correspondente permiso.
2.- En caso de que non o tiveran, solicítase que se averígue a propiedade das fincas e se actúe en consecuencia.
En caso de que si conten cos permisos, solicítase que non se volvan a dar permisos cando menos nun tramo de cen m. desde o límite co río, tendo en conta de que falamos dunha zona que ten a categoría de Rede Natura  (LIC Ulla-Deza). Evidentemente non podemos por menos que preguntarnos ¿para que val este protección? O río, de momento, segue mostrando unha forte contaminación que se pode apreciar a simple vista e mesmo polo olor que desprende (esperemos que se solucione a non tardar moito, unha vez que sexa construída a nova EDAR de Silvouta e modificada a de Bertamiráns). Non podemos permitir que a este problema se sume a deforestación das ribeiras, aínda que sexa en áreas relativamente pequenas, e, menos, como dicimos, nunha zona protexida, sendo obriga da administración velar por ela. Poderiamos entender que, en todo caso, se foran retirando coa debida autorización, as especies introducidas (eucaliptos e roblinas-acacias fundamentamente, cecais tamén os piñeiros) mais non as autóctonas (carballos, freixos, ameneiros, etc) pois o obxectivo da protección sinalada debe ser a recuperación da vegetación de ribeira nunha franxa significativa en ambalasdúas marxes do Sar. Debe velarse así mesmo para que non se realicen novas plantacións de especies alóctonas.
3.- Como pode comprobarse in situ hai aínda numerosas árbores marcadas (piñeiros e carballos) para ser taladas próximamente. Solicitamos que estas talas non se leven a efecto.
4.- Quen procedeu ás talas mencionadas deixou no lugar todo o que non considerou de interese económico, polo cal alí están abandonadas as pólas menores, que mesmo tivemos que retirar dun camiño onde estorban o paso. Estes restos de poda, unha vez secos, son un material facilmente inflamable, polo que entendemos que deberan ser retirados ou troceados no lugar para crear materia orgánica, isto por conta do vendedor ou do madeireiro, e de non facelo procedendo a administración substitutivamente e pasándolle os custos aos anteriores.
5.- En relación con esta vexetación de ribeira comentar que a escasos metros, ao pe da ponte, pódese ver un cartel, co anagrama do concello de Brión, que fala da importancia ecolóxica desta vexetación (acompañamos foto). Resulta incongruente, por non decir cínico, que teoricamente falemos do interese de preservación da naturaza e da importancia dos bosques de ribeira pero por outro lado se permitan actuacións en contra dela.
Non dubidando do seu interese polo tema, solicitamos que esa administración extreme a vixiancia para evitar actuacións de todo tipo (forestais, urbanísticas, vertidos, etc) que signifiquen un menoscabo deste ecosistema o longo de todo o río Sar e en particular na zona descrita e mesmo proceda, en colaboración cos concellos afectados, a regular as actuacións na ribeira desta cunca fluvial.
Santiago, 21 de xuño de 2010


Xosé M. Penas Patiño, Presidente



Sr Conselleiro de Medio Ambiente
Xunta de Galiza.

No hay comentarios: