jueves, 13 de septiembre de 2012

O BNG VIXIARÁ O CUMPRIMENTO DOS PRAZOS PARA CONSTRUIR A NOVA EDAR DE SANTIAGO ANTE O RISCO DE PERDER AXUDAS EUROPEAS



Ana Pontón lamenta que Conde Roa mentira anunciando que a Xunta ía ocuparse da tramitación da Estación, que segue en mans do Estado, segundo o director de Augas de Galicia

Santiago de Compostela, 23 Febreiro 2012.- A portavoz do G.P do BNG, Ana Pontón, instou hoxe ao director de Augas de Galicia a facer un seguimento escrupuloso de que se cumpren os prazos das obras da nova EDAR de Santiago, ante o risco de que máis demoras provoquen a perda de fondos europeos.

Pontón, durante o debate en comisión dunha pregunta do BNG sobre as previsións para a construción da dita EDAR, advertiu que a Xunta debe facer o dito seguimento porque a depuración de augas residuais é un dos principais problemas ambientais de Santiago e  “unha mala ou ineficiente xestión non poden poñer en risco a súa viabilidade”.

Neste sentido, lembrou que as obras xa levan importantes retrasos, os últimos provocados polo problema xurdido coa súa ubicación, e advertiu tamén de que o tempo apremia, pois de non adoptarse medidas correctores no cumprimento da normativa de augas residuais antes de 2015 a UE pode sancionar á cidade e negar as axudas económicas correspondentes.

O propio director xeral recoñeceu a existencia deste risco e do axustado dos tempos, prevendo o inicio das obras para o segundo semestre de 2013 e a súa finalización no 2015.

Sobre a ubicación, Ana Pontón recordou que o BNG sempre tivo unha posición firme e estivo do lado dos veciños para reclamar un emprazamento que non fora perxudicial para o medio e que apostase pola tecnoloxía máis acaída, polo que valora que se opte por un novo espazo se cumpre con estes requisitos e diminúe o impacto dunha obra destas características nos arredores.

A parlamentar puxo enriba da mesa durante a súa intervención como nestes momentos o futuro da EDAR era unha incógnita, pois a principios do mes de Novembro se anunciara no Consello da Xunta unha nova ubicación sobre a que até o día de hoxe nada se soubo, cando un novo emprazamento require non só estudos técnicos previos e tamén un novo estudo de impacto ambiental.

Sobre este particular, o director de Augas anunciou que a empresa adxudicataria ía iniciar en breve o proceso de avaliación ambiental.

A deputada nacionalista concluiu insistindo que o BNG estará moi vixiante para que a EDAR sexa unha realidade e lamentou que máis unha vez o alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa, tentara enganar á cidadanía e aos grupos políticos anunciando en Novembro pasado que ía ser a Xunta a que se ía ocupar da tramitación da estación, aspecto que sigue sendo competencia do Estado segundo recoñeceu o director de Augas.                

No hay comentarios: