jueves, 13 de septiembre de 2012

Vixía o que tiras ao inodoro.



Toalliñas húmidas  bastonciños, compresas, preservativos, aceites... Cada día, centos de quilos de residuos van parar aos inodoros dos fogares galegos sen que os cidadáns sexan conscientes do dano que provoca esta acción.
O problema deste acto tan repetitivo nas vivendas o atoamento das baixantes dos edificios ás canalizacións que chegan aos colectores xerais, producíndose o rebordeo de tapas e a consecuente vertedura ao río. Ademais, provoca roturas e atoamentos nas estacións de bombeo, que teñen como misión impulsar a auga ata as depuradoras. Así mesmo, para conseguir os mesmos rendementos de depuración hai que incrementar o gasto, xa que estas fibras afectan aos filtros de augas residuais.
A principal preocupación é que nos últimos anos se incrementou o uso de toalliñas húmidas, que non se descompoñen na auga como acontece coa celulosa do papel hixiénico.
A maioría dos cidadáns ignora que estes produtos non se poden tirar ao inodoro. A isto tamén contribúen algúns fabricantes, que indican nos seus produtos que si se poden desbotar deste modo. Non obstante, os estudos que se están a realizar na actualidade indican que este material non é biodegradable.
Xunto ás toalliñas, a rede de saneamento soporta outros elementos como bastonciños, compresas envoltorios plásticos ou preservativos. Son elementos que non terían que rematar na rede de saneamento, xa que para iso están as papeleiras dos cuartos de baño. Nestes momentos, polos ríos, chegan produtos ao mar que se depositan, sedimentan e impiden a vida nos ríos e no fondo marino.
Ademais dos residuos sólidos mencionados, outro dos problemas é a habitual vertedura do aceite usado polo vertedeiro ou o inodoro. O aceite na auga dificulta moito a depuración, xa que é imposible eliminalo ao 100%. As dificultades para o seu tratamento nas plantas depuradoras fai do aceite é un dos principais causantes das natas nos ríos e no mar.
Tamén se tiran ao inodoro substancias tóxicas como a lixivia e limpadores diversos, feitos de produtos que non fan que o inodoro sexa máis san e en cambio, matan as bacterias que despois contribúen a descompoñer os residuos nas depuradoras. Adicionalmente, estes produtos volven a auga máis ácida, cousa que obriga as estacións depuradoras a tratamentos que acaban producindo lodos salinos.
Pero o peor de todo é que ao inodoro se verten restos de pinturas, disolventes, medicamentos caducados e toda clase de substancias domésticas altamente tóxicas e que con esta práctica non facemos senón contribuír a dispersalos polo medio ambiente.

O bo uso da rede de saneamento favorece en todos os sentidos os cidadáns, tanto polo custo de mantemento coma por cuestións ambientais.