viernes, 21 de marzo de 2014

DÍA MUNDIAL DA AUGA 2014


Dende a PLATAFORMA POLA RECUPERACIÓN DO SAR  denunciamos o recente abandono das obras do colector de saneamento de Santiago.
Con motivo da celebración do Día Mundial da Auga dende a PLATAFORMA POLA RECUPERACIÓN DO SAR unha vez máis mostramos a nosa preocupación polos retrasos, demoras e aprazamentos que a administración pública, esa que xestiona os cartos de todos, ven mostrando en relación co tema da xestión das augas residuais e máis concretamente no caso da situación do río Sar, río emblemático para todos os galegos e río que se converte ao seu paso pola capital de Galiza, nunha canle insalubre en troques de ser fonte de lecer e de vida. Na última semana comprobamos a paralización dos traballos que se estaban a realizar en catro dos cinco tramos abertos nos últimos meses, e a retirada das máquinas escavadoras e dos camións que se foron dende as obras do colector do Sar para obras na Cidade da Cultura, a pesar de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciase o pasado mes de febreiro a paralización definitiva das obras no monte Gaiás.
 !! NON O ENTENDEMOS!!.
É indignante a hipocrisía dos representantes que nos gobernan que cando saen nos medios de comunicación defendendo a importancia e urxencia das obras do colector de saneamento e da depuradora da capital de Galicia e despois calan, ou o que e peor, non se decatan cando por falta de cartos para certificar o xa feito paralízanse as actuacións e retírase a maquinaria para realizar as obras que comezaron esta semana con gran disimulo ao carón da Cidade da Cultura e que non teñen ningunha urxencia, pero si cartos para executalas. Posiblemente escoitemos a máis de un destes nosos próceres facendo pomposas declaracións con motivo deste Dia Mundial da Auga, máis o certo é que hai diñeiro para aquel saco sen fondo, pero non o hai para sanear e depurar o que a capital de Galicia verte ao Sar. Isto si que é a “cidade da INCULTURA”.
A empresa SACYR, adxudicataria das obras, estivo traballando este inverno en condicións moi adversas en cinco tramos á vez; incomprensiblemente agora que chegou o bo tempo, mándanlle ralentizar as obras por falta de liquidez. É inxustificable, cando quedan por comezar todos os treitos de colector que se teñen que realizar co sistema de hinca así coma o ramal do Milladoiro, o cal verte directamente ao río Sar  dende hai moitos anos.
A insensibilidade co medio ambiente que demostran as administracións queda patente cando dende a PLATAFORMA POLA RECUPERACIÓN DO SAR vimos denunciando unha e outra vez o estado lamentable no que se atopa o Sar, provocado polas verteduras dos concellos de Santiago e Ames, e en vez de adiantar os prazos para a execución das obras das depuradoras e dos colectores á calada atrásanse sen xustificación.
A día de hoxe operarios da empresa Viaqua están a realizar labores de reparación dun rebentón que sufriu hai catro meses o vello colector de Santiago a carón do Camiño Portugués  e que estivo todo o inverno a ciscar polas marxes do río Sar as inmundicias da cidade de Santiago. Este tipo de avarías estanse a suceder constantemente sen que dende as administracións  se adopte ningún tipo de  solución urxente, escusándose nas obras do novo colector que din entrará en funcionamento no 2018. Ata que esa data chegue xa vemos que os composteláns e o conxunto dos habitantes dos concellos polo que o Sar discorre, imos ter que aguantar como se  seguen vertendo ao río Sar as augas residuais sen ningún tipo de tratamento, e mentres tanto os habitantes de Santiago e Milladoiro seguen pagando puntualmente nos seus recibos da auga as súas cotas de depuración.  É INDIGNANTE.
Dende a PLATAFORMA POLA RECUPERACIÓN DO SAR no Día Mundial da Auga 2014 esiximos aos organismos competentes que se tomen medidas para evitar estes flagrantes delitos ecolóxicos e que se retomen con carácter de urxencia as obras que quedan por realizar no colector, así como se cambie esta actitude de desleixo das autoridades responsables por outra moito máis activa para levar a cabo xa as obras das novas depuradoras de Santiago e de Ames.



              ASINADO:  PLATAFORMA POLA RECUPERACIÓN DO  SAR
                  
                     Xosé Manuel Penas Patiño                               Suso Noya López
                                Presidente                                                 Vicepresidente