martes, 27 de octubre de 2015

A PLATAFORMA SOLICITA INFORMACIÓN DA EDAR.

lunes, 19 de octubre de 2015

COMUNICADO DE PRENSA SOBRE A EDAR DE SILVOUTA

Na Asemblea anual da Plataforma pola recuperación do Sar celebrada o pasado venres 16 de outubro no Pazo do Faramello, entre outros aspectos, analizouse a actual problemática da depuración de augas en Santiago, situación que ten indudables consecuencias para o resto dos concellos polos que discorre este río.

En relación aos dous anteproxectos da EDAR que se teñen considerado ata o momento (Silvouta e O Souto) a Plataforma valora que existe un gran descoñecemento das repercusións que van significar para a vecindade, polo que é preciso que as autoridades informen de forma urxente, detallada e veraz das implicacións e consecuencias que conleva a ubicación nun ou no outro lugar.

Hai poucos días o anteproxecto e o estudo de impacto ambiental da EDAR de A Silvouta foi anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por sentencia 600/2015 en base a unha serie de feitos que dita sentencia especifica. Mais en boa lóxica cabe entender que tales argumentos vanse reproducir no proxecto da EDAR prevista para O Souto e consecuentemente este proxecto tamén é posible que chegue a ser recorrido ante a xustiza:

1º- A falsidade na magnitude no movemento de terras que o devandito Tribunal apreciou no anteproxecto de A Silvouta é notablemente maior no previsto para a EDAR de O Souto onde inicialmente o estudo de impacto ambiental contemplaba un volume 489.458 m3 , mais na realidade elévanse a 936.293 m 3 .

2º- A utilización de planos e ortofotos desfasadas que non recollen edificacións existentes tamén se repite no anteproxecto de O Souto no que nen tan sequera se contempla a existencia da autovía AG-56 Santiago-Noia 3º- Non se toma en consideración a distancia mínima de 2000 m. a nucleos habitados no estudo de impacto paisaxístico que esixe a Axenda 21 Local do Concello de Santiago. Os lugares de Quistiláns e Pardiñas do Concello de Ames atopanse a menos de 500 m da EDAR prevista en O Souto.

4º- A sentencia mencionada cita tamén o cambio do sistema de depuración fronte o inicialmente previsto; pois ben, ao igual que no anteproxecto de A Silvouta en O Souto mantense o sistema de depuración de fangos activos a ceo aberto.


Doutra banda hai que dicir que o anteproxecto da EDAR de O Souto que no seu dia foi exposto a información pública, non respetou a Directiva 2011/92 da Unión Europea relativa a avaliación e repercusións dos proxectos públicos sobre medioambiente con respeto a capacidade de carga do medio natural, que esixe especial atención as áreas e paisaxes con significación histórica, cultural e arqueolóxica. En O Souto atopanse afectados bens de interese patrimonial como son o xacemento do Castro de Miras, o asentamento da idade do bronce e petroglifo de Monte Aberto na zona do Pego catalogados pola Dirección Xeral do Patrimonio da Xunta de Galicia. Chámamos a atención da administración pois entendemos que de non atender estes aspectos existe a posibilidade de que de, chegado o caso, a Unión Europea poida paralizar obras nas que se teñan investido ata ese momento moitos cartos e moito tempo.

A Plataforma pola recuperación do Sar demanda que se resolvan as deficiencias e defectos de fondo e forma existentes nos estudos de impacto ambiental e anteproxectos da EDAR. Entendemos que é inadmisible que existan tales deficiencias e solicitamos que se pidan responsabilidades ao equipo técnico ou empresa que asinou os mesmos xa que de non facerse a propia administración quedará como cómplice e consentidora.

Finalmente dirase que por unha ou por outra razón o río Sar segue deteriorado, con implicacións ambientais e con repercusións para a saúde de cantos viven na súa proximidade. ¿A que esperan as administracións implicadas para tomar medidas para que esta situación de deterioro, de vergoña, remate de vez?